Tuesday 30 de April de 2024

Os Reis Magos visitan todas as parroquias de Brión baixo os acordes da charanga Os Celtas e repartindo lambonadas, rosca, chocolate e churros


Os Reis Magos están a visitar este 5 de xaneiro todas as parroquias de Brión abordo dun autobús de época e acompañados pola música da charanga Os Celtas de Negreira, dunha degustación de rosca e dun food-track onde se reparte de balde chocolate quente e churros. As choivas intermitentes desta mañá fixeron que as recepcións se estean a celebrar no interior dos locais sociais, algo que se agarda cambiar pola tarde, onde non se agardan choivas.

A comitiva real, encabezada polo alcalde Pablo Lago Sanmartín e as concelleiras de Cultura, Sandy Cebral, e Servizos Sociais, Rosa Romero, chegou a cada parroquia nun autobús de época. Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron a cada pequeno e escoitaron as súas peticións para os agasallos desta noite. Cada pequeno levou unha bolsa con lambonadas, mentres que tanto eles como as súas familias desfrutaron tamén de rosca e dun chocolate con churros.

Canda a comitiva real viaxaba tamén a charanga Os Celtas de Negreira, que puxo a nota musical en cada parroquia mentres as familias agardaban a chegada dos Reis Magos. Ademais, o autobús estaba acompañado por unha patrulla da Policía Local e polo Servizo de Emerxencias Municipal de Brión, que montaba a súa tenda móbil naqueles lugares onde o espazo era insuficiente para acoller ás persoas presentes.

Durante esta mañá, a comitiva visitou as parroquias de Cornanda, Luaña, Viceso, Ons e Boullón. Para a tarde queda a parte baixa do municipio: Bastavales, San Salvador, Os Ánxeles (con dobre parada no Tremo e no adro da Igrexa) e na contorna da Capela de Santa Minia (en caso de choiva, trasladaríase á sala de exposicións da Casa da Cultura).